Lexislación e funcións

Proxecto de Lei Básica das Cámaras Oficiais de Comercio, Industria, Servizos e Navegación.

Lei 5/2004, de 8 de xullo, de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia.

De acordo coa Lei 5/2004, de 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia (D.O.G nº 140, do 21 de xullo de 2004), créase o Consello Galego de Cámaras, como organismo de representación, relación e coordinación das cámaras e como órgano consultivo e colaborador da Xunta de Galicia e das administracións públicas en xeral.

O Consello Galego de Cámaras constitúese como corporación de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento das súas fins.

Son funcións do Consello Galego de Cámaras, tal e como establece o artigo 50 da Lei 5/2004, e sen prexuízo das competencias atribuídas ás Cámaras:

a) Defender de forma global e integrada os intereses do comercio, da industria e da navegación no ámbito da Comunidade Autónoma.

b) Promover a arbitraxe mercantil.

c) Representar ó conxunto das cámaras de Galicia ante as administracións públicas e demais entidades, públicas ou privadas, sen prexuízo da competencia propia de cada cámara.

d) Ser o órgano de coordinación e impulso das actuacións comúns das cámaras e de promoción do máximo desenvolvemento das súas funcións.

e) Potenciar a prestación de servizos mancomunados entre as cámaras.

f) Coordinar a emisión de informes, a requirimento das administracións públicas, naqueles asuntos de carácter intersectorial que afecten ó comercio, á industria ou á navegación da Comunidade Autónoma e teñan un ámbito ou repercusión superior ó de cada unha das cámaras que o integran.

g) Coordinar a elaboración e actualización de estatísticas do comercio, a industria e a navegación, de acordo coas previsións contidas na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e normativa que a desenvolva, e realizar as enquisas de avaliación e os estudos necesarios que permitan coñecer a situación dos distintos sectores de Galicia, coordinando as actuacións realizadas polas cámaras nestas materias.

h) Establecer servizos de asesoramento e apoio ás cámaras galegas ou acordar convenios de colaboración con estas, logo da autorización do órgano tutelar.

i) Mediar e dirimir nos conflitos ou discrepancias que se formulen entre as cámaras galegas.

j) Establecer convenios con outras entidades públicas e privadas, así como plans de actuación conxunta das cámaras galegas e as propostas de financiamento correspondentes, con especial atención á promoción dos produtos, da industria e do turismo exterior.

k) Emitir informe sobre os proxectos de disposicións xerais emanados da Comunidade galega que afecten directamente ós intereses do sector do comercio, da industria ou dos servizos representados polas cámaras, nos supostos e coas condicións e alcance que o ordenamento xurídico determine.

l) Propor a aprobación de normas en asuntos que afecten directamente ós intereses xerais do comercio, industria e navegación de Galicia.

m) Colaborar coa Administración autonómica, nos supostos en que sexa requirido por esta, emitindo informes ou realizando estudos, proxectos, traballos e accións en materia de comercio, industria e navegación que afecten o conxunto da Comunidade Autónoma ou máis dunha demarcación cameral.

n) Asesorar á Administración autonómica en temas referentes ó comercio, á industria e á navegación por iniciativa propia ou cando así sexa requerido por ela, así como proporlle cantas reformas xulgue necesarias para a defensa e fomento daqueles.

ñ) Nos supostos e coas condicións e alcance que estableza a Administración autonómica, corresponderalle colaborar, se é o caso, na tramitación de programas públicos de axudas ás empresas, na xestión de servizos públicos e no desempeño das funcións administrativas que se lle encomenden e participar naqueles proxectos de infraestruturas e servizos comúns que afecten ó conxunto da Comunidade galega.

o) Prestar outros servizos ou realizar outras actividades, a título oneroso ou lucrativo, que redunden en beneficio dos intereses representados polas cámaras que o integran.

p) Elaborar anualmente, e de acordo co realizado por cada unha das cámaras, un censo público de todas as empresas radicadas no ámbito da Comunidade Autónoma, así como das súas delegacións, axencias e establecementos.

q) Coordinar calquera outra función de carácter público-administrativo que lle encomende a Administración autonómica.

r) Cantas outras atribucións lle confiran as leis expresamente.

© Consello Galego de Cámaras

C/ San Pedro de Mezonzo, 44- Bajo, 15702 Santiago de Compostela.

Teléfono: 981 596 120 Fax: 981 590 322

administracion@camaras-galicia.com