atrás Novas

O Proxecto RED-GENERA recibe o apoio do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

12/05/2009

A iniciativa que lidera o Consello Galego de Cámaras, ten por obxectivo fortalecer o sector de valorización e reciclado de residuos industriais en Galicia e no norte de Portugal. Terá ata finais do 2010 para desenvolver as actividades previstas.

Os integrantes do proxecto Red-Genera reuníronse esta mañá na sede da Cámara de Comercio de Pontevedra para poñer en marcha o plan co que se pretende previr a producción de residuos industriais mediante a reciclaxe, a súa reutilización para outros procesos ou mesmo aproveitándoos para o uso enerxético. A iniciativa, ten como marco de actuación Galicia e o norte de Portugal.

O Proxecto Red-Genera conta cun total de dez socios, sete galegos (o Consello Galego de Cámaras e as Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo, Tui e Ourense; SOGAMA e a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento) e tres portugueses ( Centro de Valorización de Residuos, Asociación Industrias do Minho- AIMINHO e o IDITE-Minho). O Consello Galego de Cámaras é o beneficiario principal do proxecto e o encargado de realizar os labores de coordinación entre os membros.

Entre os obxectivos xerais que persigue Red-Genera, destaca a dinamización das iniciativas innovadoras que busquen á prevención da contaminación que xeran os refugallos producidos polas PEMES, a creación de novas iniciativas empresariais que poñan en valor os residuos e a posta en marcha dun Observatorio para a valorización deste tipo de materias industriais. Uns obxectivos que ademais de beneficiar ao medio natural contribuirán tamén a consolidación dun sector de reciclaxe competitivo e forte que pule polo crecemento económico e pola creación de postos de traballo.

Segundo afirma Juan Feijoo, o Director Xeral do Consello Galego de Cámaras: “ O residuo industrial é un potencial recurso económico. Pretendemos pechar o ciclo de vida dos residuos mediante a proposta de novas iniciativas empresariais para a súa valorización. Existe un gran potencial na industria da reciclaxe e intentaremos poñer en valor as mellores prácticas e identificar tecnoloxías dispoñibles para favorecer proxectos industriais que xeren riqueza e emprego neste sector. A Administración, as empresas e os centros tecnolóxicos e a Universidade temos que cooperar para facer do sector medioambiental un eixo de crecemento e de creación de emprego.”

Un total de 100 empresas galegas e portuguesas poderán participar neste proxecto mediante un piloto de auditorías ambientais que os expertos realizarán en catro sectores industriais: a construción, o metal-mecánica, a industria alimentaria e a confección-calzado.

O proxecto está co-financiado nun 75% con Fondos FEDER da Unión Europea, a través de Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. O plazo para desenvolver as actividades é de 18 meses, ata finais do 2010, e o Orzamento Total ascende a un importe de 1.676.289,43 €, correspondendo unha co-financiación o FEDER por importe de 1.257.217,07€.

© Consello Galego de Cámaras

C/República El Salvador, nº7, Escalera B-1ºDcha 15702 Santiago de Compostela

Tlfno. 981 108 220 - Fax. 981 563 265

administracion@camaras-galicia.com